Tradicional Danza e contradanza na honra de San Sebastián
Mañá venres 20 de xaneiro vaise celebrar no Adro da igrexa de Aldán, as doce e media da mañá, a tradicional Danza e Contradanza das Damas e os Galáns, na honra de San Sebastián. Ás cinco da tarde celebrarase no Torreiro o segundo dos bailes, e despois un máis na alameda de Aldán.
Transmitida de xeito oral primeiro coma un rito pagán de agradecemento polas boas colleitas ou na honra dos señores feudais, na antigüidade a súa celebración situábase no derradeiro terzo do ano. Aínda que a xénese da danza remóntase a un bo feixe de séculos atrás, o primeiro documento que fala desta xa enchida de relixiosidade remóntase ao 1679, cando se constituíu a "Cofradía de glorioso señor San Sebastián", da que foi o seu primeiro mordomo Don Francisco de Gayoso y Aldao, Señor del Solar y Fortaleça de Aldao, sendo vicerreitor da Igrexa Parroquial o Lizenciado Domingo de Gestido y Soto.
Ata o ano 1995, o baile celebrábase polas tardes no Pazo dos Condes de Aldán, pero na actualidade -organizado pola Asociación Cultural San Sebastián- báilase pola mañá ao remate da misa das doce no adro da igrexa, e pola tarde vólvese a bailar en dúas ocasións máis, xa sen santos polo medio, ás cinco no “Torreiro” e ás seis na alameda. Se chove este acto celébrase sempre no colexio das monxas de Aldán.

A Danza componse de dez galáns, cinco damas amais dun guía, aínda que fai 40 anos era interpretada unicamente por homes. Na mañá, cando se baila ante o santo durante corenta minutos, comeza coas venias a San Sebastián, arroupado por unha gran póla de limoeiro, á Virxe do Carme e á Cruz. Os danzantes inclínanse seis veces ante cada imaxe: tres veces cando se achegan e outras tres ao volver á posición inicial. O guía dirixe en todo momento os movementos do grupo, que baila seguindo o son da gaita e o tamboril, acompañados do ritmo das castañolas que fan soar os galáns no inicio de cada compás. A danza remata cunha muiñeira a modo de contradanza.









