Palestra: A cultura galaica e a romanización
A asociación cultural marinense A Almuinha vai ofrecer mañá venres 3 de xaneiro a partir das oito e media da noite, no salón de actos da Biblioteca Pública Vidal Pazos (av. de Ourense 8, Marín), a conferencia do doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga, André Pena Granha, decano do Instituto Galego de Estudos Célticos (IGEC). Esta palestra foi adiada o pasado decembro.
André Pena Granha (Ferrol, 1955), amais de historiador e arquiveiro oficial do concello de Narón, foi un dos principais impulsores da fundación do IGEC no ano 2009, institución que ten como obxectivo “a promoción da investigación do pasado da cultura Atlántica na Galiza, norte de Portugal e arco cantábrico”.
Entre moitas obras na escrita e charlas, André é autor de: o celtismo e as orixes da Gallaecia; Galiza, o berce dos celtas da Europa Atlántica; Camiños milenarios; Breogán, Hércules e a torre de Brigantium; Narón un concello con historia de seu, Volume I, II, III (Sotelo Blanco, 1991); la pesquería tradicional de Mareas. Un ejemplo de arqueología industrial (Concello de Narón, Autoridade Portuaria de Ferrol-San Ciprián e Metalurgica Galaica, S.A. 1998); a orixe dos coutos, das xurisdicións, dos escudos e das bandeiras municipais galegas (Concello de Narón, 2002); Santo André de Teixido: o Camiño dos Celtas (Equona 2006)…










