Entrevistas

Entrevistando a Diego Estebo Ortiz

Unha nova e escura realidade laboral necesita de persoas afoutas, que se aínda por riba debuxan ben, fermoso e barato, pois aínda mellor. Este é o caso do ilustrador cangués Diego Estebo Ortiz, quen se prestou a ser o primeiro non músico en ser entrevistado por xeadodetoxo.com, en representación das “hordas de babuínos, mutantes dos sumidoiros e oficinistas disociados”, unidos no Misterio de Cultura “por medio de picos, palas e viño de garrafón”.

Cal é o porqué de ilustrar camisetas?

Tebo: ben, como portavoz desta chea de bestas, teño que dicir que o obxectivo é chegar ó maior número de persoas, para corrompelas coas nosas creacións, cheas de mensaxes ocultos. Para isto servímonos das camisetas, porque sonche a prenda máis popular do noso tempo, xunto cos pantalóns vaqueiros. A todo o mundo lle gustan! Aínda así, co tempo tal vez comecemos a traballar tamén con camisas, carapuchas… Por outra banda, a elección do téxtil, ven dada tras unha longa observación, trala cal chegamos á conclusión de que é máis sinxelo vender camisetas que cadros.

Que método seguides para estampar os debuxos nelas?

Tebo: polo de agora, tódalas camisetas estámpanse mediante serigrafía, fágoas unha a unha nun obradoiro, de maneira artesanal. Son tiradas pequenas, e na maioría dos casos empregamos as tintas de forma que cambien as cores, para que non haxa dúas camisetas iguais. Trátase de ofrecer camisetas exclusivas e de calidade, a un prezo accesible a todo o mundo. 14 pavos, rapaces!

Fálanos un pouco da temática das ilustracións, dos kekos e demais.

Tebo: a temática dos kekos, que expresión tan grafiteira, non é ningunha en concreto, son debuxos que expresan sensacións e intres, nos que se mestura o animal que gabea polas árbores, co que leva garabata. Instinto e tolemia.

Cantos modelos tendes á venda?

Tebo: polo de agora só hai tres modelos distintos, pero paréceme que os vindeiros han seguir a mesma liña, seguindo un certo gusto pola tensión estética, o esperpento, ese é o Misterio.

O teu voto: Ninguno Promedio: 5 (1 vote)
Compárteo:

Comentarios

xa estreei a miña!

Imagen de GDjazz

é brutal para tocar nun escenario (cando non hai q levar traxe, claro!)

chamativa, orixinal e única, coma min juajuajua, da ostia!

un dia tes q deseñar un traxe pa ir elegante, apertas!

GDjazz