Entrevistas

Entrevista ao pianista Xan Campos (I)

Logo dun tempo escoitando o jazz dos xoves no case finado Salasón, nunha noite do pasado verán alguén me comentou: Xan Campos vai gravar o seu segundo disco como compositor.

El confirmouno pouco despois; e xunto ao contrabaixista Horacio García e o batería Iago Fernández, deu producido no cedé Orixe Cero (Free Code, 2011), “unha sucesión tan vibrante de música que parece non ter fin, un arco da vella do ritmo. Orixe cero é incrible”. Dende entón ficou pendente unha conversa con preguntas entre Xan i eu, para publicar en xeadodetoxo.

Cando hai algo máis dun mes noutra Jam do Salasón, Xan faloume da súa próxima viaxe a Nova York e, “coma no tema Na boa, vin escorregar o tempo”. Temos que quedar que dunha vez para facer a entrevista, pensei. E por fin, o venres 30 de decembro, na terraza do Café National, deixamos constancia.

Nestes seis meses pasados, máis ou menos, dende a publicación de Orixe Cero ¿cal foi o camiño percorrido polo disco?

Xan Campos: No Imaxinasons foi o primeiro sitio onde o tocamos, xa sacado. Despois do festival (de jazz de Vigo), xa o presentamos en varios festivais máis. A verdade é que estou moi contento, por que o disco tivo bastante movemento, falaron del en varias web e revistas, en radio, en periódicos…

¿Que tal foi a experiencia de ofrecelo a escoita do disco de balde? Grazas a iso ¿notaches unha suba no número de concertos?

Xan: Si. Vamos ver, hoxe en día o rollo antigo das discográficas para min non ten moito sentido, sobre todo se non es un cantante de pop (risas). Tiña bastante claro o que me apetecía facer e como. Orixe cero ten licenza creative commons, pódese escoitar gratis. O disco é meu, fixémolo nos, pero ti podes copialo ou poñelo onde queiras, sempre que sexa sen ánimo lucrativo. Non podes modificalo sen permiso, púxeno así por evitarme problemas.

Dependerá de si che gusta o resultado desa adaptación, non?

Xan: Non, bueno, tampouco me vai a importar que o modifiquen. Cada un é libre de facer. Non me preocupa moito. E isto é posible tamén grazas a Free Code Jazz Recodrs, que che permite esa liberdade de facer o que ti queiras. Seguramente é unha das poucas discográficas coa  que podería ter feito o disco así, ademais de distribuílo como nós quixemos. O disco esta na páxina web xancampos.com, e na maioría de sitios de descarga, nos máis coñecido polo menos. Estou contento porque a través da internet houbo un montón de compras, algunhas en países como Corea, Xapón, ou Brasil.

Penso que se non fora por este tipo de distribución, no che acabarían publicando un tema (Acrofobia) na portada de All about jazz punto com (unha das cancelas dixitais sobre jazz, de referencia no mundo anglófono).

Xan: Si, un tío escoitou o disco e pareceulle interesante, pediunos permiso para poñer o tema na portada da web. Estivo moi ben, porque a través diso houbo moita xente nos foros que escoitou o tema. Por iso está ben o de colgalo, sáeche de balde a promoción.

Porén, aínda non todo o mundo se precipitou da burra, e algúns aínda soñan con gañar diñeiro das copias físicas.

Xan: Está claro. Home, eu gastei moitos cartos na gravación do disco e evidentemente, pouco a pouco, vendendo discos, vas recuperando o que invertiches. Pero o importante non son os discos que vendas, senón que gracias o disco tes un proxecto, tes algo sólido que presentar para buscar concertos. Grazas a que María (a súa representante), tomou en serio o traballo de promoción do disco, tocamos en moitos festivais no verán, e presentámolo en moitos sitios. O final é iso, sendo gratuíto escoitar o disco este véndese, pero sobre todo sae nos medios, e pouco a pouco vas facendo máis cousiñas.

Tras unha pausa para tomar algunha oliviña, proseguimos a entrevista pola segunda pregunta… Seguindo co tema, algo ao que lle estiven dando voltas é o título. ¿Ten Orixe Cero algunha relación co nome do anterior disco, Ida e Volta? O primeiro suxire na miña opinión unha busca, mentres que o título do segundo afirma o lugar onde estás, xa non aquí ou alá?

Xan: Orixe Cero pretendía facer referencia a iso. De ante man non pensamos como queriamos que fora, senón que fluíu así, de forma natural. A música que levo facendo moitos anos co trío saíu así, sen pretendelo, como eu o quería reflexar, no sentido do noso gusto musical, da nosa creatividade, e do que nos apetecía facer. O do título xurdiu da nada. Non dixen, vou facer un disco que sexa así, ou compoñer uns temas que vaian nesta onda, foi o que nos saíu. E por iso sítome moi identificado con disco, porque realmente creo que é unha música que me representa, que reflexa o que está pasando agora mesmo dentro de min.

Nótase unha grande evolución nos catro anos pasados entre o un e o outro .

Xan: Oxalá, porque iso é algo bo, non?

Penso que o segundo é moito máis moderno, o outro sóame máis a jazz clásico, máis antigo, doutra época diferente da nosa. En cambio o novo ábrese a un novo mundo de influencias.

Xan: Si, supoño que reflexa un pouco os gustos e as ralladas que tiña na cabeza en cada momento. Pois daquela ó mellor si que estaba escoltando outras cousas, o que dis ti, escoltando jazz máis tradicional, ou simplemente foi o que me saíu nese momento, sabes? Non sabería dicirche exactamente. Pero posiblemente agora escoite máis música diferente, despois de tocar rock cos Foxy Freire e nun grupo de funky.

Non sabía que tocabas funky

Xan: Pois si, co mesmo trío (con Iago Fernández e Horacio García) e dous músicos máis. Tocabamos jazz pero facendo bolos de festa, funky disco, e bueno todo inflúe, aparte das vivencias persoais que aínda que non teñan nada que ver coa música, tamén inflúen. Realmente si espero que houbera unha evolución dun ó outro disco, porque significa que a cousa está en movemento. De ser así, oxalá nunca pare.

Pero para poder seguir adiante é necesario descargar primeiro, desprenderse de algo para poder continuar. E para iso nada mellor que poñerlle o selo dun cedé ou un libro.

Xan: Eu tamén sentín iso, o de soltalo cando tiven os discos. Pensei, isto é o que fixen ata agora, xa o teño plasmado. Agora xa estou libre para poder seguir a partir de aquí. Pero si que necesitas telo na man. Está gravado aquí, agora xa podo pasar páxina. Do primeiro disco sigo estando súper orgulloso del, agora non fago a mesma música, pero escóitoo e doume conta do que eu era nese momento, sabes? Tráeme recordos. Graveino moi novo, con dezanove anos, e evidentemente un evoluciona. Quero pensar que foi unha evolución positiva. Pero xa che digo, non me arrepinto de facelo tan novo.

Xusto no momento que iamos a trocar de tema cara o rock, sona o teléfono de Xan…

Xan: Era María a que chamou. Acaba de ver que Orixe Cero foi elixido (por Íñigo Ortega Medrano) un dos dez mellores discos do 2011 para a web Distritojazz.com.

Carallo meu, parabéns. Esa é unha das cancelas de jazz máis coñecidas a nivel español, non?

Xan: Creo que si, aínda que eu tampouco te creas que son moito de friquear por páxinas de jazz e tal (risas). Só me subscribín ás alertas de Google, así sei cando sae o meu nome na rede.

Antes da chamada, iamos falar do rock.

Xan: Non é a música que máis me apaixona, pero ó final foron case dous anos cos Fozy Freire. Foi enriquecedor en moitos sentidos e musicalmente tamén foi moi interesante. Paseino de puta madre.

Díxome un paxariño que no instituto gustábanche os System of a Down (risas).

Xan: Un pouco pola tontería do momento (máis risas). No instituto tiña un amigo o que lle gustaba. Porque a min de pequeno sempre me custou moito abrirme a cousas novas, algo que creo superei. Hoxe en día teño moita máis curiosidade por todo, por coñecer rollos diferentes, pero antes custábame. Entón, se alguén de confianza me dicía tal pois si, senón igual pasaba, sabes? Eu que sei, a adolescencia.

E agora que escoitas que non sexa jazz?

Xan: Ultimamente gústame escoitar o reggae

Agora volvendo atrás,¿como foi o teu achegamento á música?

Xan: Non recordo cando comecei a relacionarme coa música, pero dende que teño memoria na casa meu avó sempre me daba algunha clase de solfexo e de piano. Meu avó é músico, foi batería de jazz e nunha orquestra da época, que eran un pouco diferentes das de hoxe en día. Agora el compón pasodobles, música para a banda. É un apaixonado da música. Dende que aprendeu a traballar cun programa para escribir música no ordenador pasa o tempo na súa casa compoñendo e facendo arranxos. Vánselle as horas e os días escribindo música no ordenador.

Cantos anos ten?

Xan: Ten oitenta e tres

Impresionante, que bo.

Xan: Si. Aprendeu a usar o ordenador con oitenta ou oitenta e un, algo nada fácil de facer. É incrible. Nese sentido é unha persoa admirable porque non perde a ilusión, vai a tocar ca banda e míralo ir correndo cunha ilusión como se tivera quince anos. E aprendeu a nadar na piscina tamén de maior, e foi ó conservatorio a estudar piano.

Par min o contacto coa música foi algo natural, non recordo decidir estudar música, nunca o planeei. Con sete anos para oito entrei no conservatorio. Entón pasei os momentos máis difíciles por que claro, a un neno desa idade o de estar aí metido non sempre apetecía. Houbo un momento que foi delicado, pero tiven sorte, pois foi precisamente cando se formou  a Big Band de Cangas. Iso cambioume a vida, porque nese momento eu non estaba convencido de querer adicarme a tocar o piano. De repente flipei, descubrín o mundo. E acórdome que fun medio obrigado, porque custábame un pouco o das relacións sociais e tal, e de repente alí estaba eu cun montón de xente. Convencéronme para que fora, meu pau, meu avó e Luís (Carballo, director do Canjzz), e foi chegar o primeiro día e flipar. A partir de aí logo seguín no Seminario permanente de jazz, primeiro en Cangas e despois en Pontevedra.

O teu voto: Ninguno Promedio: 5 (2 votos)
Compárteo: