Entrevistas

Conversa co batería Iago Fernández

Co gallo da estrea ao vivo do seu primeiro disco como líder, no Auditorio Municipal de Cangas mañá sábado 26 de novembro ás dez e media da noite, hai unha semana xeadodetoxo.com charlou no Salason co batería cangués Iago Fernández, mentres fora chovía a dios dar.

Poderías falarnos un pouco de Agromando?

Iago: non sei, se queres comezo por dicirche o porque de que se chame así?

Caralludo

Iago: o título decidino despois de telo gravado. Antes, cando pensaba no meu primeiro disco, a idea que tiña era a de definir cunha palabra o momento no que me atopaba, sobre todo como compositor, xa que é o meu primeiro disco, pero tamén como intérprete. ¿Sabes o que significa agromando?

Si. Segundo o dicionario da Real Academia Galega, agromar significa botar gromos, que son eses pequenos vultos dos que máis adiante nacen novas pólas, follas ou flores.

Iago: vamos, que ben sendo unha parte do proceso de crecemento. Quería que fose unha palabra fermosa e en galego, e que quixese dicir iso, que agora mesmo aínda que penso que xa levo un boa bagaxe no tema da aprendizaxe e un ritmo profesional bastante bo, se me comparo a nivel non sei, por exemplo o americano, penso que estou encomezando. Pero solidamente. Amais, diría que como compositor sonche bastante lento pero bueno, fun facendo temas pouco a pouco, sobre todo nos últimos anos que estiven en Donosti. Realmente quería facer algo propio, porque cando tocas algo teu o que sentes e algo diferente, ninguén os tocou entón non tes esa teima de compararte, coma cando tocas un standard e xa escoitaches tantas boas versións del que tendes a pensar que a túa é un pouco merda. Pero como os teus temas non os tocou ninguén, no tes prexuízo de ningún tipo. Ao mellor estes temas sonarían mellor con outro batería, pero ó telos compostos para tocalos eu, penso que lle dou o enfoque acertado.

Cando o gravaches?

Iago: graveino en dous días, entre o trece e o catorce de xuño, creo recordar, en Vilanova de Gaia, fronte Porto.

Que bonita é esa vila, sobre todo a contorna natural con esa lingua de area na desembocadura do Douro.

Iago: eu non estiven moito por alí, pero pasei varias veces polo estudio. No 2008 gravei alá un disco de Santandreu a cuarteto, e quedei moi contento de cómo traballan.

Como se chama o estudio?

Iago: Boom Studios. Nos coñecémolo por Abelardo, Abe Rábade, quen grava neles tódolos seus discos. No que vai de ano, nos Boom participei na gravación de tres discos, en abril o de Xan (Orixe Cero) durante tres días, en maio o de Chris Kase para sexteto, nunhas sesións nas que tamén estiveron Abe Rábade, Masa Kamaguchi, Toni Belenguer e Mikel Andueza, un grupazo para un traballo precioso. Este disco está a piques de saír. E despois, en xuño o meu disco. Xa tiña as datas faladas, pero ó final cadrou que pasei por alí tres meses seguidos.

Convertícheste en habitual (Risas).

Iago: si. E nada, o técnico, que se chama João Bessa, é un tipo incrible cunha maneira de estar e de ser moi profesional pero de bo rollo, sen ter por que ademais. Xa con ser profesional e traballar rápido chegada, pero é que aínda por riba crea un ambiente de traballo moi bo.

Supoño que nunha gravación de seguro que iso tense que agradecer.

Iago: claro tío. ¿Dígoche o nome dos músicos?

Si.

Iago: pois o contrabaixista foi Demian Caboud, un arxentino que leva case dez anos vivindo en portugal, André Fernándes, un guitarrista lisboeta co que tocara moito na banda de Nelson Cascais, un contrabaixista tamén de Lisboa. Con André dende as primeiras veces que tocamos xuntos entendinme moi ben, tanto na parte musical como hangueando.

Que quere dicir hanguear?

Iago: quere dicir non sei, algo como ir ás jams, estar coa peña e logo ir de festa cos músicos. Tamén se di jamear e tal. Por onde ia, a si, pois André é un músico co que conectei á primeira e co que gozo tocando xuntos. Despois está Xan (Xan Campos), que é o único que chega a tocar a miña música como eu a compuxen, porque nos coñecemos moi ben dende nenos. Ademais Xan axudoume moitísimo, en parte os temas creceron grazas a el, que sempre os tocou comigo. Coñecémonos dende os catorce anos ou algo así, e os nosos respectivos páis coñecíanse tempo antes de ser nos reais (risas). Eu sabía que existía pero foi a esa idade cando comezamos a levarnos por estar na mesma pandilla de músicos do conservatorio, e dende entón. Nótase moito que nos coñecemos cando tocamos. Ademais quixen que participase Virxilio (Virxilio da Silva), o estraño deste disco é que hai dous guitarristas, para min dos mellores da península, e non é por desmerecer a outros, senón que estes dous son moi bos.

Entón, os músicos que entraron contigo no estudio son?

Iago: o contrabaixista Demian Caboud, o pianista Xan Campos, ás guitarras Virxilio da Silva e André Fernándes, o saxo tenor de Porto Zé Pedro, e despois, para algúns temas tamén chamei a outro saxofonista, alto e soprano, que se chama João Mortágua, e Baptiste Techer un trombonista francés que coñecín en Musikene.

Por último, cantos temas ten o disco?

Iago: o disco ten seis temas meus, unha versión de Djavan (Oceano), outra de Radiohead (Pyramid Song) e unha versión do standard dos anos corenta I´ll be seing you, amais dun tema improvisado. En realidade este último é coma se fose meu. Expliqueilles unha historia e a maneira en que me gustaría representala, e gravámola nunha sesión de free jazz da que escollín catro minutos. Quedou unha cousa moi freak, ata podes escoitar ao contrabaixista falando. Din liberdade e funcionou, sen drogas de por medio, aínda que non o parece (risas).

O teu voto: Ninguno Promedio: 5 (3 votos)
Compárteo: