Deportes

Primeira derrota desta tempada do Alondras na casa

Terceira división – 26ª xornada

Campo do Morrazo, Cangas: 1300 espectadores.

Alondras Club de Fútbol (2): Nando, Castilla, Nano, Toni, Rubén, Iago, Pablo (Félix, min.82), Fran, Andrés (Leiro, min.20), Santi e Jacobo (Mauro, min.72).

Pontevedra Club de Fútbol (3): Lorenzo, Bardal, Suárez (Suso, min.73), Pablo Ruiz, Pazó, Antonio, Richi, Sidibe, Pazos, Óscar Martínez e David Pérez (Campo, min.80).

Goles: 0-1, min.30: David Pérez; 1-1, min.34: Santi Domínguez; 2-1, min.54: Iago; 2-2, min.62: Richi; 2-3, min.87: Sidibe.

Máis imaxes de Tanis Gamuzo

Tarde soleada de cheo no campo do Morrazo, nun partido sen claro dominador, con ocasións para ámbolos dous equipos, de aumentar por quendas a diferenza no marcador. O Alondras perdeu o primeiro encontro na casa do que vai de campionato na Terceira 2011-2012, cando case todos daban por bo o empate, a cinco minutos da fin cun gol dende trinta metros do centrocampista de Burkina Faso, Oumar Sidibé. Sumando a derrota de onte domingo 19 contra o Pontevedra, e antes de visitar a vindeira fin de semana o campo do derradeiro na clasificación, o Lalín, os cangueses levan acumulados tres empates e unha vitoria nas últimas cinco xornadas.

Na primeira media hora de xogo a pelota foi dos xogadores visitantes . Antes, no minuto vinte, saíu do campo lesionado o dianteiro local Andrés, recentemente chegado da Antártida. O gol do Pontevedra no trinta, pareceu animar ó Alondras que, por medio do máximo goleador da categoría, Santi Domínguez, marcou o primeiro empate da tarde, seguindo unha gran xogada individual de Fran Fandiño. Así chegou o descanso.

Tralo sorteo e os refrixerios, os morracenses saíron con velocidade e determinación, dispostos a marcar o seu segundo gol, que chegou nos pes de Iago. Puido chegar o terceiro, que de seguro tería marcado o resto da disputa, pero nun erro defensivo dos locais, o Pontevedra igualou a dous, mentres os seareiros da capital provincial comezaban a pedir con ritmo, a cabeza do seu adestrador Milo Abilleira.

Consciente de que o seu equipo máis o contrario andaban escasos de forza, Alfredo Álvarez “Fredi” tratou de gañar en profundidade dando entrada a Mauro, pero a contenda xa non daba para máis. Nestas apareceu Sidibe para avisar de que o sol estaba a marchar, e a case todos lle entrou o frío, de súpeto.

Clasificación xeral

sen votos
Compárteo: