Cultura | Cine e teatro Cultura

Tourneé, de Mathieu Amalric

Estreada na 63ª edición do Festival de Cannes, como primeira película en competir pola Palma d’ouro, Tournée vai ser proxectada en versión orixinal con lendas en español no Auditorio municipal (av. de Lugo 27, Cangas), mañá venres 11 de febreiro ás 21:00h.

Tras unha primeira emisión falta de aplausos e morna acollida, poucos pensaron que finalmente ía gañar o premio á mellor dirección, como así foi, nunha gala na que o xurado declarou como mellor película a concurso, O tío Boonmee lembra as súas vidas pasadas programada con anterioridade polo Cineclub Cangas.

Para a súa cuarta longametraxe tras da cámara, o actor francés Mathieu Amalric, escolleu contar a historia dunha compañía de Burlesque americano de xeira por Francia, cun reparto de auténticas estrelas do xénero, composto por Mimi Le Meaux, Kitten On The Keys ou Dirty Martini.

Título orixinal: Tournée.
Ano: 2010.
Duración: 111 minutos.
Dirección: Mathieu Amalric.
Guión: Mathieu Amalric, Philippe Dei Folco, Marcelo Novais Teles e Raphaëlle Valbrune. 
Editora: Annette Dutertre.
Música de: Ange Ghinozzi.
Director da fotografía: Christophe Beaucarne.
Vestiario: Alexia Crisp-Jones.
Maquillaxe: Delphine Jaffart
Dirección artística: Stéphane Taillasson.
Produtores: Rémi Burah, Yael Fogiel, Laetitia González, Petra Hengge e Alexander Ris.
Intérpretes: Mathieu Amalric (Joachim Zand), Miranda Colclasure (Mimi Lle Meaux), Suzanne Ramsey (Kitten on the Keys), Linda Marraccini (Dirty Martini), Julie Ann Muz (Julie Atlas Muz), Angela De Lorenzo (Evie Lovelle), Alexander Craven (Roky)

Sinopse

Apenas cumpridos os corenta anos, Joachim, un produtor de televisión parisiense, déixao todo (fillos, amigos, inimigos, amores e remorsos, éxitos) para comezar unha nova vida nos Estados Unidos. Algún tempo despois, regresa co grupo de bailarinas de striptease New Burlesque, cuxas mentes encheu de fantasías románticas sobre Francia.

De cidade en cidade, o humor dos números e o atractivo das mozas conquistan tanto a homes como a mulleres. E a pesar de que a falta de diñeiro as obriga a aloxarse en fríos hoteis, as coristas inventan un mundo extravagante de fantasía e festa. Con todo, o soño de concluír a xira ao grande en París esnaquízase: a traizón dun vello amigo fai que Joachim non consiga a sala de espectáculos que apalabrara. En calquera caso, a breve viaxe de ida e volta á capital, reabrirá violentamente as feridas do pasado...

sen votos
Compárteo: