Cultura | Musica

Sons de Ultratour

O pasado 10 de febreiro, Tora! Tora! Tora! e MLK recalaron no Labranza para agasallarnos a golpe de venres cunha sesión dobre. Neste Ultratour compartido, ámbalas bandas tórnanse o comezo e final da escena, e agardamos que sigan vindo a amosar as súas creacións, para saber como evoluciona a traxectoria destes grupos pontevedreses recen sacados á palestra.

Máis imaxes deste concerto duplo

Desta vez abriron a noite o dúo inicial que formou MLK hai uns anos, ofrecendo dous caramelos sónicos apetecibles e aditivos. O lirismo indie-rock acadado nas dúas primeiras cancións impregnaba unha atmosfera de engalanado épico, impulsando así aos presentes a abrir os corazóns á unha escoita íntima e por momentos desgarradora. De seguido asaltan o escenario o total dos integrantes, que se uniron á banda fai cousa dun ano. Con isto recrudeceuse o son e as melodías abríronse como un abano variado, onde houbo cabida para xéneros tan dispares coma o  rock lírico, o noise, o swing, o rythm and blues, a psicodelia ou o soul. Marcando a cada compás reminiscencias das súas influencias pero cunha estética de estilo musical máis moderno. Coa versión  It´s a man´s world, de James Brown, fixeron alarde desta amalgama de sons.

Sen bises nin rebises, descansou a platea e tornou a paleta de cores co post-punk garage escuro dos Tora! Tora! Tora!. No escoitar dos primeiros acordes comezamos a revivir sentimentos actuais e de épocas pasadas. Parecía que dun momento a outro as bandas lideradas por Robert Smith e o finado Ian Curtis farían acto de presencia, volvendo a aquel mundo confuso cheo de contradicións existenciais, rebelde e inconformista, que ben asemella ao actual. Con este proxecto Tora! Tora! Tora! móstranos un grupo cheo de intencións, cun estilo deep noise e alaridos vociferantes. Entre as composicións da noite, co corte Corredor de Fondo renderon homenaxe a un poeta galego digno da súa condición, o gran existencialista e comprometido Lois Pereiro.

MLK e Tora! Tora! Tora! son dúas bandas emerxentes, as cales lles seguiremos a pista dende o Labranza e ata onde os pes alcancen.

O teu voto: Ninguno Promedio: 5 (3 votos)
Compárteo: