Cultura | Outros Outros

Presentación do cómic Hamster, de Diego Campos Omil

Onte martes 27 inagurouse na Cervexería Ambigú de Cangas a exposición do cómic Hamster, gañador do segundo Certame de Banda Deseñada sobre teatro, organizado pola asociación cultural Entre Bambalinas, coa presenza do debuxante da aventura gráfica, Diego Campos, o autor do texto teatral, Santiago Cortegoso, e a actriz Marián Bañobre, quen interpretou a Femia, unha dos personaxes da obra. Hamster está a venda na Cervexería Ambigú por 3 euros.

Diego Campos e Marián Bañobre

O texto de Hamster, escrito por Santiago Cortegoso no ano 2005, foi posteriormente seleccionado xunto outras once propostas nos terceiros encontros no Castelo de Magalia (pertencente á Red de teatros alternativos y nuevos creadores), para ser presentado coma un texto dramatizado ao que lle dar lectura ó final das xornadas.

Baixo a filosofía destes "Encuentros en Magalia", que é poñer en contacto a creadores das artes escénicas de diferentes eidos e comunidades autónomas, e grazas a boa sintonía nacente entre os encargados de dramatizar Hamster -o actor morracense Santiago Cortegoso, o director madrileño Fernando Soto, a actriz Laia Oliveras e o actor vasco Juanjo Otero-, co apoio da Sala Triángulo estes decidiron seguir traballando a proposta ata convertela nun espectáculo estreado no ano 2009.

Este espectáculo representouse na pasada Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, representado por Juanjo Otero, Marián Bañobre e o propio Santiago Cortegoso. Segundo as verbas deste último, pai da besta, "Hamster é unha metáfora aberta, onde os humáns son seres engaiolados. Macho e Femia, seus protagonistas son vítimas da dicotomía entre os instintos e as convencións sociais. As veces compórtanse coma ratos e as veces como persoas, ela na busca de algo máis e el querendo ficar igual, sen arriscar o que teñen, sexa o que sexa". "Ademáis, nesta peza dramática aparece outra variable, a lonxanía. Macho e Femia sempre están a falar de alá, un lugar físico ou psicolóxico no que non están nin son".

Diego Campos e Santiago Cortegoso

Hamster, de Diego Campos Omil

Os integrantes da asociación cultural Entre Bambalinas (editora da Revista Galega de Teatro), decidiron trala publicación dunha Historia do Teatro Galego en cómic hai dous anos, continuar coa destrucción das barreiras existentes entre certos modos de expresión artística, convocando un certame de banda deseñada baseado nunha peza teatral. Na primeira edición (2009), a partires da obra Doentes, do compostelán Roberto Vidal Bolaño, acadou o premio o debuxante nado en Brión Brais Rodríguez. Na convocatoria deste ano a escrita dramática elixida para ser adaptada a linguaxe da aventura gráfica foi Hamster, do moañés Santi Cortegoso, e a proposta gañadora do certame foi a visión ecléctica e orixinal composta por Diego Campos Omil.

páxina do cómic Hamster

 

Diego Campos Omil é un ilustrador e pintor interesado tamén pola fotografía e a animación en 2D e 3D, que naceu no 1988 en Marín, estudando logo o Bacharelato Artístico no centro Xunqueira 1 de Pontevedra. Na actualidade está a remata-la carreira de Belas Artes na Univesidade de Salamanca, e a traballar na súa obra pictórica.

Xunto a Alex Cal, creou o fancine vigués Fuck Cómics, acadando posteriormente premios no II e VII Salón do Cómic de Cangas, os GZCrea 2008 e 2009. No eido da animación Diego participou nas curtas El vecino, Jarabe Tepatio e Antxonki, inspirada de maneira tanxencial na obra mestra de Iván Zulueta Arrebato.

 

outra páxina do cómic

Presentación do cómic Hamster, de Diego Campos Omil
Presentación do cómic Hamster, de Diego Campos Omil
Presentación do cómic Hamster, de Diego Campos Omil
Presentación do cómic Hamster, de Diego Campos Omil
Presentación do cómic Hamster, de Diego Campos Omil
Ligazóns relacionados: 
O teu voto: Ninguno Promedio: 5 (2 votos)
Compárteo: