Cultura | Outros Outros

Presentación de Sangue no ollo, primeira novela de Juan Parcero

O habitual colaborador de xeadodetoxo.com, Juan Parcero, escritor, pai e cineasta moañés de trinta e catro anos, vai presentar a súa primeira novela “Sangue no ollo”, no Café Teatro Gabana (rúa Méndez Núñez 24, O Real-Moaña), ás nove da noite mañá venres 13 de xaneiro. Esta estrea pública, que contará coa presenza do autor, será introducida polo poeta e tamén veciño de Moaña, Xosé Daniel Costas Currás, quen gañou recentemente o X Premio Caixanova de poesía coa súa obra Monicreques.

“Tras seis meses de preparación dos personaxes e a trama, botei dous meses escribíndoa, para logo empregar outros tantos coas diferentes correccións”, recoñece Juan. Unha vez concluído este proceso, “ensineille o resultado aos meus críticos de confianza, coma son meu pai e outro bo amigo. E non lle din máis voltas. No canto, comecei a escribir outra, máis standard, a cal enviei a Rinoceronte editora, para probar”. A segunda (Farsantes), “falla de autenticidade”, recoñeceu o escribidor, tras ser rexeitada iniciou un proceso de silencio editorial, escachado cando Juan lles deu enviado un mes despois, a primeira historia, “un thriller psicolóxico alimentado polos comportamentos arquetípicos de moita xente, coa que compartín vida laboral neste e naquel outro traballo. Conclusión, un debe escribir o que el queira".

Sangue no ollo

Dende a empresa editorial, así fan escolma da opera prima de Juan Parcero: personalidades auto destrutivas, un ambiente cruel cos débiles e un mundo que devora o excepcional serven para recrear unha historia onde a subxectividade e a falta de comprensión afogan o protagonista que, por primeira vez na súa existencia, terá que agarrar o leme e atacar os cimentos da súa vida e de canto o rodea.

Sangue no ollo é o cuarto libro editado polo novo selo Papilosante, unha nova aposta en forma de taller de edición, da empresa canguesa Rinoceronte editora. “Os primeiros títulos que saen en Papilosante (de papiloso, 'papel' na lingua dos canteiros de Terra de Montes), son obras en si, vaia, que non pertencen ao taller de edición. Quixemos amosar que mesmo nun selo de Taller de Edición hai literatura de moita calidade, como é neste caso”, aclara a representante de Rinoceronte, Carmen Pereiro.

Papilosante, taller de edición

“A tecnoloxía de impresión dixital baixo demanda permitiu que xurdisen moitos servizos de autoedición. Porén, só Papilosante inclúe os seus títulos nunha colección definida, dentro dun selo editorial xa existente (Edicións Morgante, pertencente a Rinoceronte). Da mesma maneira, ofrecemos a posibilidade de distribuír a obra en todas as librarías galegas a través dun servizo de envío de novidades”.

O teu voto: Ninguno Promedio: 5 (2 votos)
Compárteo: