Cultura | Outros Outros

Onte, de Agota Kristof (Rinoceronte editora)

Custa traballo desfacerse dos libros que deixan pegada. E cando se cae no seguinte é imposible non facer comparacións, buscar influencias. Sen dúbida unha das mellores sensacións que se poden ter coa lectura é a de atopar citas ou reminiscencias de textos clásicos, referentes de todo escritor. Xa temos falado de que detrás dun bo escritor agóchase un grande lector, non se entende unha cousa sen a outra. Obras de Kafka como “A metamorfose” ou “O proceso” e mesmo de Camus, co seu “O estranxeiro” son deses libros que forman parte do imaxinario de cada lector: imposibles de esquivar para o que pretenda escribir. Será o prisma? Será o estilo? Será a perspectiva? Poderanse buscar máis ou menos simetrías co orixinal, pero a medida que se redacta, plasmando a vida en follas, deberase ter claro que non se está a inventar nada. As mestrías citadas son estudadas, aínda agora, por numerosos ensaístas e as teorías que tentan explicar textos deses xenios van dende o surreal ata o místico, criando correntes filosóficas, lendas e influencias que o abranguen todo.

De Agota Kristof non sabemos se admitirá as influencias que describimos, pero o que é seguro é que a súa novela “Onte” busca, dende a impersonalidade e o desarraigo, atopar un punto de humanidade, fuxidía como un soño. O mesmo que os títulos citados. E o fai dende o prisma dun personaxe principal que o abarca absolutamente todo, chegando a revelársenos as súas paranoias, pesadelos, entelequias simbólicas, que, analizando sen esforzo, explican moito do comportamento do abúlico traballador industrial. Os anhelos de converterse en escritor, o pasado que o segue e o trastorna, mesmo a psicopatía latente, non fan que a empatía entre lector e narrador decaia. Porque todos posuímos contradicións, complexos e distancia. Porque cada un de nós levamos dentro un antiheroe. Esa actitude enfronte da vida de continua retirada cara adiante, de afogo vital, nos persigue ou nos perseguiu. Os sentimentos sobre a utilidade da nosa existencia, son tan reais e cotiáns como o traballo monótono de cadea de montaxe que o/nos deshumaniza converténdonos en robots, nunha peza máis dunha engrenaxe que xamais estará dominada por nós mesmos. Coa escrita seca, pouco descritiva pero concisa, o que se consegue é un efecto de frialdade e análise do contado. Xusto o que busca a escritora. E o consegue dende a trama, por mor dos acontecementos que, aínda que parezan irrelevantes, son constituíntes de un todo harmónico e fondo. Ao final, o inadaptado, o estraño, acaba sendo un máis. E todo pasa mentres tentamos agarrarnos a unha luz que nos saque das tebras, sempre buscando unha esperanza á que asirse e nos faga erguer ao día seguinte desexando que algo diferente pase. Kristof toca todos eses paus con naturalidade e asepsia, sen apaixonamento, cunha precisión cirúrxica e sen deterse por nada, é dicir, mostrando a verdade núa e clara, lonxe da hipocrisía.

O final convencional e sinxelo non resulta máis ca un paradoxo de toda a novela: a loita contra o sistema, a busca do heterodoxo só se “cura” cunha vida denominada “normal”. A autora parece rirse de si mesma e do seu universo, o que fai da sensación final unha mestura de acidez e autenticidade.

O teu voto: Ninguno Promedio: 5 (3 votos)
Compárteo: