Cultura | Outros Outros

O desfalco, de Valentin Katáiev (Rinoceronte editora)

Os mestres rusos do seu século dourado, o XIX, foron moitos, notables e brillantes. De Gogol a Gorki, de Pushkin a Tolstoi, criaron obras imperecedoiras e eternas, ata desembocar no mito Dostoievski, que amalgamou todo en sublimes obras mestras, entre as máis destacadas da historia da literatura. Poderiamos pensar que, sendo tantos os autores, os puntos en común non deberían ser moitos, pero, ademais da evidente proximidade xeográfica, os temas e os ambientes, todos teñen un halo que rodea os seus escritos: a intensidade. Cada un deles, co seu estilo e demos persoais transitan polo redactado con forza e claridade, cunha calidade psicolóxica e de análise profunda e nidia. Os seguintes no tempo, os herdeiros dos deuses, non teñen nin terán o nivel dos devanceiros, pero gardan esa simetría, esa capacidade de achegarse á realidade dende un punto de vista transcendente á vez que estimulante.

Valentin Kataev, poliédrico escritor e xornalista, capaz de navegar por variados modos de literatura, dende o teatro ata o ensaio sen desbotar a poesía, sabe que non é Tolstoi, e quizais esa, aínda que pareza unha broma, sexa a súa maior virtude. O seu conto de chiste, o seu pesadelo adornado de humor cáustico e cruel, lixeiro e cheo de duplo sentido, está cargado de verdade. Por iso non é casualidade que moitos dos pasaxes da novela estean baseados en noticias da época, en pleno crecemento e persecución dunha serie de roubos á acabada de nacer burocracia da Unión Soviética, co seu réxime comunista e o seu afán de medrar no mundo dende o seu inmenso interior.

Coa clásica capacidade cartográfica dos autores rusos, paseamos pola vida e o momento de toda unha nación dende a inicial Moscova, para despois viaxar en tren ata a sofisticada San Petersburgo para rematar, como ilusión clara, nun pequeno e remoto pobo do máis profundo do país. A viaxe que tomamos cos dous antagónicos personaxes principais, funcionarios corruptos e “pecadores” amósanos a realidade soviética, as súas xentes, a pobreza, a impostura dunha sociedade en continuo movemento, o imposible que resulta non caer na tentación de desfalcar unha inmensa cantidade de cartos si se vive na miseria e se esixe a máis alta das fidelidades, cando o engano e a mentira reinan nun mundo de pillos e buscavidas.

Non podemos deixar rematar esta crónica sen mencionar a palabra que, na nosa opinión, mellor define esta obra: hipocrisía. O intento de ensinar que a situación na que se vive é mellor do que parece, resulta dun patetismo doloroso, máis canto o que a realidade agocha é fame e desesperación. Katáiev, nun acto que demostra a súa calidade como escritor, tenta aderezar os demos que toca con humor e capítulos delirantes, absurdos algúns, pero non logra desfacerse da melancolía que ao final envolve todo como a neve do seu país, dende as bases.

O teu voto: Ninguno Promedio: 4.9 (7 votos)
Compárteo: