Cultura | Cine e teatro Cultura

O afundimento, de Olivier Hirschbiegel

Coa única excepción da película Der Letzte Akt (Georg Wilhelm Pabst, 1955), ata a estrea no 2004 d’O afundimento ningunha outra obra xermana para o cinema tratou de maneira tan clara o tema de Hitler, representando xa non unha imaxe en movemento da fin do réxime nazi, senón dos últimos días de vida do xenocida austríaco, nun Berlín anno cero.

A idea de facer un filme tívoa o escritor e produtor Bernd Eichinger, tras ler as probas do prelo do libro escrito polo historiador Joachim Fest, O afundimento: Hitler e a fin do Terceiro Reich. Asemade, Eichinger deu con outro libro importante para a historia, Ata o último momento: a secretaria de Hitler conta a súa vida, de Traudl Junge e Melissa Müller. “Fest aportoume o marco temporal e Traudt Junge o personaxe que o une todo”, aclarou o produtor.

Para as escenas de interior, construíuse unha réplica do búnker nos Bavaria Studios, estudio de son que acolleu no 1981 a rodaxe doutro filme alemán sobre a Segunda guerra mundial, Das Boot (O submariño, de Wolfgan Petersen); mentres que, as tomas exteriores da cidade de Berlín asediada, despois de valorar outras localizacións en Bulgaria, Rumanía ou a República Checa, o equipo do filme escolleu San Petersburgo. Esta cidade rusa coñecida como Leningrado durante o sistema soviético, foi illada no inverno do 41 polo exército alemán, provocando a morte de fame de máis dun millón de persoas.

Título orixinal: Der Untergang
Ano: 2004.
Duración: 155 minutos.
Dirección: Olivier Hirschbiegel.
Guión: Bernd Eichinger
Editor: Hans Funck.
Música de: Stephan Zacharias.
Director da fotografía: Rainer Klausmann.
Vestiario: Claudia Bobsin.
Deseño de produción: Bernd Lepel.
Produtores: Wolf-Dietrich Brücker, Bernd Eichinger, Doris J. Heinze, Jörn Klamroth, Christine Rothe.
Intérpretes: Bruno Ganz (Adolf Hitler), Alexandra Maria Lara (Traudl Junge), Corinna Harfouch (Magda Goebbels), Ulrich Matthes (Joseph Goebbels), Juliane Köhler (Eva Braun), Heino Ferch (Albert Speer), Christian Berkel (Schenck), Matthias Habich (Werner Haase), Thomas Kretschmann (Hermann Fegelein), Ulrich Noethen (Heinrich Himmler)…

Sinopse

En abril de 1945 o Führer agóchase nun búnker ante o sitio das tropas soviéticas á cidade de Berlín. Acompáñao Eva Braun. Con eles están Goebbels, ministro de Propaganda, coa súa esposa Magda e os seis fillos de 4 a 12 anos. Tamén conviven a citada secretaria e o persoal de servizo. En paralelo coa desintegración da cúpula nazi, a fin convive fora do búnker coas ruínas de Alemaña.

O teu voto: Ninguno Promedio: 5 (1 vote)
Compárteo: