Non esquezas ler: As uvas da ira, de John Steinbeck
Juan Parcero
Coa calidade evidente e innata de escribir como sobre seda, Steinbeck é o xenio do sinxelo. Ese don que posúe para describir enormes historias dende a mínima intimidade dos seus personaxes o fan único. Sempre cun estilo perfecto e sinxelo, entendendo esa sinxeleza como unha luz que fuxe dunha grandilocuencia inútil, que despraza por vacua e falla de fondura. Seguro que pensaba que as palabras inmensas non constrúen, necesariamente, mundos inmensos. Non cabe dúbida de que esa aparente facilidade parte dun dominio da ferramenta que manexa, como o fai un escultor ou un pintor, absoluta: a escrita. De esa maneira, mestura enormes episodios con relatos curtos e cheos de simbolismo e descrición, oníricos e metafóricos, coa intención elevada de mostrarnos que o mundo segue a xirar malia as cuítas dos humanos. Na inmensa epopea que se narra no volume enorme que constitúe As uvas da ira, obra angular sobre a que descansan todas as bases da súa carreira literaria, os temas, fondísimos, son tocados con mestría e sen máscara.
A familia que fuxe dunha América empobrecida e deshumanizada, morto o soño americano que os definiu, para atopalo de novo no oeste florecente, é o claro reflexo do que se vai a contar, non a xulgar. Por iso bótasenos á cara o peor do home, o peor da caste humana, o peor da clase rica privilexiada, porque enfronte se nos colocan aos desherdados, antes terratenentes, orgullosos produtores, agora transformados, polo bulir da maquinaria agraria, en sinxelos emigrantes no seu propio lar. Confróntanse non só dúas maneiras de entender a vida, a riqueza ou o tratamento das propiedades, tamén se poñen cara a cara as dúas maneiras de concibir o inmenso e poderoso país, as profundas diferenzas entre o próspero oeste e o decrépito sur. Sen necesidade de ter que buscar raíces na Guerra Civil ou nos conflitos raciais, Steinbeck o abarca todo por extensión e grazas a uns personaxes tan simbólicos como especiais, tan heteroxéneos algúns como icónicos os outros. Esa continua confrontación entre futuro e pasado, de diferentes concepcións de cómo afrontar os futuros, é o que lle dá a medida a esta obra de mestra.
Dende A perla ata As uvas da ira, Steinbeck é tan necesario como fundamental, imprescindible para entender a literatura do século XX, básico para entender a América de hoxe e, sobre todo, para coñecer o que significa o oficio de escritor.










