A neta de Lihn, de Philippe Claudel (Rinoceronte)
Pode que inflúan neses sentimentos o ánimo co que nos enfrontamos á atención das palabras, quizais noutro intre ese mesmo volume non tería tal pegada, pero iso, a fin de contas, tanto ten, xa que o troco entre o esixido e o recibido é claramente favorable aos nosos intereses. Esa dúbida sempre a teremos, pero o único que nos aportará será desasosego e falla de interese, o que sería inxusto. O pequeno esforzo de pasar as páxinas, de ler, de imaxinar, vese recompensado e multiplicado por mil. É cando non queda outra que felicitar á editorial pola escolla, congratularnos de ter escollido esta obra para traducila ao noso idioma de maneira impecable e arriscada dende o seu francés orixinario, e dar as grazas ao escritor por facernos participar do seu mundo.
“A neta do señor Linh”, é a segunda novela do escritor e cineasta francés Philippe Claudel. Despois de “Almas grises”, a súa numerosa masa lectora agardaba impaciente a seguinte obra, criando unhas expectativas tan grandes que o non cumprilas sería o máis probable. Mais non, co seu segundo libro bateu marcas de ventas, e
ntusiasmou á crítica e namorou ao público amais de traducirse a varios idiomas (entre eles o noso). Non é para menos. Cando pousamos os ollos nas primeiras frases, o que nos chama a atención é algo tan invariable como o tempo verbal, xa que todo se conta en presente, deixando o pasado para os numerosos recordos que modelan os personaxes e que axudan a descifrarnos o seu estado actual. O uso do presente, lonxe de restarlle un ápice de claridade, consegue o efecto de conducirnos da man polos trebellos da realidade, meténdonos na trama con eficacia, inconsciencia e por riba de todo, no inmediato. O outro punto que resplandece no comezo é a posta en escena, o estilizado e sofisticado estilo. É maxistral por moitas razóns: minimalista, conciso, tentando expoñer co uso simple e escaso de palabras o máximo posible. E todo cunha elegancia que só pode ser comparada coa novela da época dourada rusa de finais do XIX. Nada menos que a dos grandes e adorados mestres. Ese estado no que estilo e historia coinciden facéndose necesarios e complementarios distinguen o bo do sublime. A beleza do simple non se pode comparar, a falla de ornamentos e a sinxeleza son incuestionables, a grandilocuencia só existe no mediocre. O libro é poesía prosaica, é unha novela con alma de oda. Na conciencia do lector prodúcese a maior parte do desenvolvemento do contado, como se fose un truco, mais detrás dese engado agóchase unha mestría e un completo dominio do que se escribe.
Resulta imposible non facer unha referencia aos personaxes principais da novela. Dous homes sos, dous antiheroes, dúas almas sedentas de comprensión, de compaña, que non conseguen fuxir dun pasado que os persigue co seu brillo para facer que o seu presente pareza máis escuro na comparación. Malia ser case antagónicos en orixes, relixión ou educación, ámbolos dous teñen en común o máis importante: unha inmensa humanidade e unhas enormes gañas de compartir e vivir. Por iso se produce a milagre de que sen entenderse coa fala (xa que usan linguas diferentes) crían unha amizade pura e desinteresada. Porque tamén os dous saben que un xesto ben comprendido é moito máis locuaz que mil palabras. Porque un “quérote” pode ser substituído por unha mirada, porque un “estou contigo” vale menos cunha man no ombreiro. As tres vidas que se cruzan (temos que incluír á pequena neta do señor Linh) o fan coa parsimonia do amor, a tranquilidade da comprensión e a fame da soidade. O cadro de todos eses sentimentos arróxanos unha obra redonda, perfecta e recomendable como ningunha.










