Cultura | Exposicions Cultura Exposicións

Maxia, teatro e música para toda a familia

Onte o medio día foi presentada a programación para o Nadal do concello de Cangas, “tres espectáculos profesionais diferentes e de calidade, maxia, teatro e música ao vivo, dirixidos a un público familiar, e especialmente aos máis pequechos”, explicou no inicio do acto Juanjo Pérez. “Por mor das estreiteces económicas ben coñecidas por todos, antes de ofrecer produtos sen calidade, dende o concello vímonos na obriga de cobrar entrada, non moi cara iso si”, puntualizou o concelleiro. Tódolos eventos terán lugar ás seis da tarde no Auditorio municipal (av. de Lugo 27, Cangas), e “as entradas sen numerar, poranse á venda antes de cada show”.

O mércores 28 comezarán os espectáculos cun festival de maxia presentado polo mago Antón, o Nadal máxico 2011, incluído no VI Circuíto galego da maxia que arestora está a percorrer dez vilas galegas. Por Cangas pasarán os magos Román García, Javier Muro, Kiko Patur, mago Richard e mago Benxamín. A entrada costa 5 euros para os nenos e 10 para os adultos.

Ao día seguinte, xoves 29, será a quenda do teatro para pequechos, da man da compañía afincada en Narón Teatro do morcego, que vai representar a súa adaptación do clásico da literatura infantil escrito polo autor brasileiro Jorge Amado, O gato manchado e a andoriña Siñá. A entrada costa 4 euros para rapaces e 5 para maiores.

Para rematar, antes da fin do ano, o venres 30 hase celebrar o concerto do grupo Mamá Cabra, unha proposta musical do Nadal, “recomendada para pequenos de 0 a 90 anos”. Neste directo, o grupo formado decote por cinco músicos “que desta vez van estar acompañados por dous máis”, presentará o seu segundo libro-disco editado por Galaxia, Xa me tardan estes Magos. Esta recompilación de panxoliñas modernas, escritas por poetas galegos coma Antón Cortizas, Gloria Sánchez e Antonio García Teijeiro entre outros, amais de Gloria M. Roel, vocalista de Mamá Cabra, “en poucos meses xa vendeu uns 3000 exemplares, todo un éxito editorial do que estamos moi ledos”. A entrada costa 4 euros para os nenos e 5 para os adultos.

Dende a esquerda: Juan José Pérez (director do Auditorio), Celso Parada (Teatro do morcego), José Luis Gestido (concelleiro de Cultura), mago Cali (AMPG), Xulio Amigo (Editorial Galaxia e Javier Muro (Asociación de magos profesionais de Galicia, AMPG).

sen votos
Compárteo:

Comentarios

e os horarios?

Imagen de Anónimo

e os horarios?

Ás seis da tarde

Imagen de Pacotxo

Boa tarde. O horario para os tres espectáculos telo escrito no primeiro parágrafo. Ás seis da tarde.

Un saudo.