Mademoiselle Chambon, de Stéphane Brizé
Coa proxección desta cinta francesa estreada en España en tres cines e medio a pasada primavera, dous anos despois da súa premiere ao norte dos Pirineos, o Cine club Cangas vai estrear mañá venres 27 de xaneiro ás nove da noite, no Auditorio municipal (av. de Lugo 27, Cangas), a súa programación de cinema en versión orixinal con lendas en castelán.
Baseada nunha novela homónima publicada por Éric Holder no 1996, a longametraxe Mademoiselle Chambón fala de maneira pausada, a través das contidas interpretacións dos seus protagonistas. Fala de sentimentos universais coma o desexo, a paixón súbita e o amor imposible, sensacións que a miúdo se propagan polo inconsciente como un animal salvaxe.
Título orixinal: Mademoiselle Chambon.
Ano: 2009.
Duración: 101 minutos.
Dirección: Stéphane Brizé.
Guión: Stéphane Brizé e Florence Vignon.
Editora: Anne Klotz.
Música de: Ange Ghinozzi.
Director da fotografía: Antoine Héberlé.
Vestiario: Ann Dunsford
Maquillaxe: Marilyne Scarselli.
Deseño de produción: Valérie Saradjian.
Produtores: Milena Poylo e Gilles Sacuto.
Intérpretes: Vincent Lindon (Jean), Sandrine Kiberlain (Verónique Chambon), Aure Atika (Anne-Marie), Jean-Marc Thibault (padre de Jean), Arthur Le Houérou (Jérémy), Bruno Lochet (colega de Jean)…
Sinopse
Jean é unha persoa sinxela, bo albanel, bo fillo, bo marido e bo pai. Leva unha vida feliz xunto á súa adorable muller e o seu fillo. Un bo día crúzase no seu camiño a mestra do fillo, mademoiselle Chambon, unha muller discreta, fascinante, dunha elegancia exquisita. Aínda que proceden de mundos moi diferentes, a evidencia dos seus sentimentos desbórdalles. Este encontro pode ser un punto de inflexión na súa vida: unha oportunidade de cambio ou unha tolemia a lamentar.








