Cultura | Exposicions Cultura Exposicións

Arte diverso en familia: Mª Xosé, Carlos e Sara Del Valle Fernández

A pasada fin de semana foi inaugurada na sala de exposicións  do Auditorio municipal (av. de Lugo 27, Cangas), a mostra de pintura da parella formada polos docentes, Mª Xosé Fernández, nada en Vigo, e Carlos Del Valle, natural de León. Esta exposición coas creacións máis recente dos dous, que amosa o traballo realizado por estes no último ano, vai ficar no terceiro andar do auditorio ata o sábado 14 de xaneiro do ano 2012.

“Sabendo que traballan na mesma casa, pois viven xuntos como parella, é de salientar a distancia artística que os une”, seguiu a debullar en baixo o comisario da exposición, Camilo Camaño, tralos agradecementos habituais nas estreas. Por unha banda “Mª Xosé  construíu unha obra conceptual, chea dun lirismo e dunha sensibilidade meticulosas e poéticas, mentres que nas achegas de Carlos, destaca primeiro o colorido duro, contundente, duns cadros que se achegan por igual, lindando sen tocar a abstracción e o realismo”. “En conxunto, presentan dúas propostas ben diferenciadas, podendo incluso polas súas características ser divididas en tres, dialogando en conxunto no esperanto das artes, o idioma das mil linguas”, rematou dicindo Camilo, o que Carlos respondeu “somos compañeiros, pero non parella de ideas”. “Toda unha interesante reflexión sobre a convivencia…”

Ela traballa como profesora de pintura en obradoiros do concello de Cangas, para maiores e nenos, e el é tamén profesor de debuxo e deseño no I.E.S. María Soliño.

Dende a esquerda: Camilo Camaño, Mª Xosé, Carlos e o concelleiro de Cultura, José Luis Gestido (Imaxe de Teresa Palmás Veiga)

Os cans non somos obxectos, non nos regales

Ao día seguinte, a filla de Mª Xosé e Carlos, Sara Del Valle Fernández, inaugurou unha exposición de fotografía de seu, na Capela do hospital, que estará aberta ata o mércores 28 de Nadal. Esta mostra de imaxes de animais, tomadas por Sara na Protectora de animais do Morrazo rexentada por Lela, pretende “arroxar luz sobre a realidade diaria da protectora, co obxectivo de sensibilizar a sociedade e animar á adopción de cans, deixando de pensar neles coma se fosen só cousas”.

 

Arte diverso en familia: Mª Xosé, Carlos e Sara Del Valle Fernández
Arte diverso en familia: Mª Xosé, Carlos e Sara Del Valle Fernández
Arte diverso en familia: Mª Xosé, Carlos e Sara Del Valle Fernández
Arte diverso en familia: Mª Xosé, Carlos e Sara Del Valle Fernández
Arte diverso en familia: Mª Xosé, Carlos e Sara Del Valle Fernández
Arte diverso en familia: Mª Xosé, Carlos e Sara Del Valle Fernández
Arte diverso en familia: Mª Xosé, Carlos e Sara Del Valle Fernández
O teu voto: Ninguno Promedio: 4.5 (2 votos)
Compárteo: