Apuntamentos de Jacok Litner desde un burato no Chan, de Wolfgang Koeppen
Certos libros agochan unha historia que transcende o sinxelo peso do papel. Este é un dos casos. O autor primeiro foi contratado polo editor para darlle ton, forma e orde aos apuntamentos do señor Litner, xa que os vía interesantes no fondo pero deficientes na forma, para logo publicar o
libro obviando ese movemento e dándolle a Koeppen a total autoría. Anos despois volveuse á senda inicial. Así pariuse unha obra, tan esclarecedora como terrible, das primeiras que tratan o Holocausto.
Baixo unha evidente asepsia imparcial, o relato da conta polo miúdo da carreira dun xudeu muniqués de clase media que se sente alemán, e que mesmo ama Alemaña, xa perseguido polos seus anteriores compatriotas. E está tan afeito á súa vida acomodada e pacífica que se mostra, en todo momento, incapaz de asimilar canto o rodea e o que, agora, exhala o seu corpo: odio visceral. Cada páxina ofrece, máis ca ningunha cousa, incredulidade ante o acontecido. Mesmo por riba da violencia sectaria e indiscriminada, tamén arbitraria e cruel, se erixe a dor pola incomprensión, que aparece máis intensa que a devastación e a sensación de humillación da fame.
O protagonista só quere recuperar a súa vida pasada, o seu lugar na sociedade, saír do seu agocho de total excepción. Mais no seu foro interno sabe que xamais as cousas volverán a ser as mesmas, xa que xamais pensou en vivir e sufrir ate o indicible situacións tales, ate o punto de facerse insensible diante da morte e os asasinatos que o asolagan. Só quere vivir, correr, comer, respirar, deixar de facerse preguntas sobre se será Deus o que o salve, senón ter el mesmo, outra vez, o leme da súa vida.

Os filmes nunca chegarán a estas fonduras, por iso se fai indispensable a lectura destes textos de xentes que viron a morte e a destrución tan de preto que, preferiron antes seren abrazados por ela que seguir a vagar. Tales documentos deben ser a nosa memoria, pois eses erros poden ser repetidos se os esquecemos. Non o fagamos.









