A ciencia do hórreo
Aínda que para moitos dos nosos avós e avoas estea probado o rendemento do hórreo na conservación dos cereais e outros alimentos, afastados dos animais e a humidade, nun estado óptimo para o seu consumo, hai catro anos Arsenio Landa, responsable da empresa ourensá de cultivos ecolóxicos Promotora Orxeira, propuxo a investigadores da Misión biolóxica de Galicia, medir con obxectividade, a eficacia destas construcións tradicionais na súa función primixenia, como almacén de millo. Esta Misión biolóxica, dependente do CSIC (Consello superior de investigacións científicas), dedícase entre outras tarefas, a ensaiar e mellorar a produtividade do gran galego na finca do arcebispo Malvar en Salcedo, Pontevedra.
Pois ben, tras algo máis de dous anos, acaba de concluír o traballo titulado “Procesado y conservación de grano y productos derivados de maíces ecológicos”, realizado por até sete investigadores. Segundo recoñece o seu coordinador, Pedro Revilla Temiño (Burgos, 1963), os resultados do estudio “importantes por el respaldo científico para la viabilidad futura de los hórreos… son bastante obvios”. Esta análise, desenrolada nas localidades de Lobeira (Ourense) e Parada (Pontevedra), efectuouse a partir de tres variedades autóctonas: a Sarreaus, de rendemento medio baixo; a Rebordáns, de rendemento medio; e Meiro ou Millo corvo, de rendemento medio alto e natural da vila morracense de Bueu.

Nos resultados deste estudio, os científicos constataron que o hórreo é un bo método para a conservación do millo, destacando a súa eficacia reducindo a xerminación do gran, aínda que recomendan non esquecer os problemas derivados da presenza de insectos voadores e algúns fungos. Por último, os autores lembran a importancia de “cultivar a variedade que teña o ciclo adecuado para cada zona co fin de obter un produto san e de calidade”, recomendando algún tratamento trala colleita “coma o secado rápido con aire a 35 graos durante dous días”.









