Camiñando para defender os Montes do Morrazo

Para o vindeiro domingo 5 de febreiro, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizou un roteiro polo espazo natural denominado Montes do Morrazo, afectado polo proxecto de parque eólico de Pedras negras.

Este conxunto de muíños de vento xigantes, promovido pola empresa Enel Green Power España, e que abarcaría terreos limítrofes entre os concellos de Marín, Moaña e Vilaboa “suporá a instalación de 14 aeroxeneradores de grandes dimensións (119 metros de altura e 112 metros de diámetro das pas), a ocupación dunha explanada de 17×17 metros de superficie por cada aeroxenerador, a apertura de novas vías e ampliación do ancho de pistas forestais existentes, que en total suman 17.302 metros lineais de vías entre os de acceso e interiores, 15.702 metros de gabias para instalación de cable eléctrico e de comunicacións e unha subestación eléctrica”.

O roteiro sairá ás once da contorna da mámoa de Chan d’Arquiña (Domaio, Moaña) ás 11:00h. para percorrer 7 quilómetros de baixa dificultade, pasando por Chan de Xestoso, Coto do Home, Chan de Pedras negras, Chan de Goa e Outeiro da Charamiza, até retornar cara o inicio arredor das 14:00h. Unha hora despois terá lugar un xantar popular no Parque forestal en Chan d’Arquiña. Dende a organización “recomendamos que cada un leve ou comparta comida, que cada vehículo utilizado para acceder sexa compartido ao máximo de ocupación para así non masificar o punto de encontro en plena natureza”.

O teu voto: Ninguno Promedio: 3.3 (3 votos)
Compárteo: