Non esquezas ler: William Faulkner, O ruido e a furia
Juan Parcero
O RUÍDO E A FURIA
Cando se toma nas mans un libro como o que recomendamos é preciso desprenderse de calquera comparación, entrar na lectura libre de prexuízos, ceibe de limitacións técnicas ou estilísticas: o que imos ler non se parece ao lido con anterioridade nin se parecerá nada do que leremos no futuro a obra de tal calado. Son moitos os factores que fan única esta novela dende o punto de vista formal. Para comezar, o narrador de cada capítulo é diferente, é dicir, carecemos dun narrador fixo, omnisciente, para tratar de entender a decadencia e destrución dunha liñaxe enteira de terratenentes da América máis fonda. Aínda máis complicado resultan os saltos temporais e a escaseza de referencias que nos axuden a engarzar cada parte coa seguinte. Atopamos que o primeiro capítulo é o contado por un deficiente mental, maltratado e cunha percepción do que o rodea chea de simbolismos e intuicións, onde o tempo e o espazo únense dunha maneira totalmente diferente á do resto das personaxes. O pecado, a culpa e a dor ocupan boa parte do seu, por veces, incomprensible discurso. A maneira na que Faulkner “interpreta” o libre fluír do pensamento de Benjy preséntasenos dunha forma sinxelamente asombrosa, xenial.
As seguintes partes son máis sinxelas de seguir, pero o uso dunha guía (ver enlaces embaixo) faise imprescindible se queremos entender na súa amplitude e fondura tódolos resortes que maxistralmente toca o escritor. Aparécensenos a voluble irmán de Benjy, Candance, vigorosa transportadora do pecado e a sexualidade dende a visión do irmán sensible e afogado pola culpa e o pensamento máxico, Quentin; fálanos coa súa característica e inconfundible arrogancia e soberbia o outro irmán, Jason, mantedor da familia enteira e dono dunha enerxía negativa que o fai irresistible; por último lemos a narración que parece resumir todo e darlle forma ao conxunto, na voz de Dilsey, criada da familia dende o seu nacemento. Cada cal definido polos seus feitos e pensamentos, cada cal mostrado dende o interior, sen descricións físicas pero profusamente expostos no seu máis fondo e claro recuncho propio. As referencias tácitas ou evidentes ao pecado, a infidelidade, o alcoholismo, a perda de poder, a relixión e as Sagradas escrituras, o antigo réxime escravista, a autodestrución, a vergoña social… son tantas e tan ben enxergadas que o sentimento de atordamento, de incapacidade de filtrar todo ese fluxo de información é inevitable. Por iso é recomendable unha posterior lectura, porque os detalles que deixamos atrás na primeira e aparvada reflexión son infinitos.
A novela define ao ser humano, marca pautas de comportamento na lectura posterior, fainos máis abertos cara lecturas complexas, axúdanos a entender centos de autores outrora etiquetados como difíciles. Entender e asimilar O ruído e a furia é comprender a nosa propia idiosincrasia, notar que un sentimento é universal, e que só cambian as estacións ou o lugar no que se conten, axudándonos a relativizar canto nos concirne por unha sinxela razón: xa o escribiu Faulkner fai décadas.











