Non esquezas ler: Mika Waltari, Sinuhé o exipcio
Juan Parcero
SINUHÉ O EXIPCIO
O termo “novela histórica” está de moda, edítanse por moreas, lense por milleiros, moitas delas son best-sellers ás poucas semanas da súa publicación. Sinuhé, o exipcio pódese enmarcar nesa etiqueta, pero é moito máis, vai máis alo. É a obra máis coñecida de Waltari, erudito do mundo antigo, dende Roma ate Exipto. E a súa erudición chega a unhas fonduras extremas. Non só describe con profusión lugares e monumentos, non só se para en tentar de achegarnos as loitas no momento en que o movemento cara ao monoteísmo que comezou Akhenatón se topou de fronte co arraigado politeísmo instaurado, non só fala dos choques das culturas existentes fai máis de tres mil anos. Non.
Waltari fala de persoas, de sentimentos eternos, do amor, o poder, os aromas dos portos do Nilo, as feituras das belezas exipcias, as dores do exilio, o amor cara unha cultura e unha forma de entendela vida e gozala existencia, cos seus inmensos momentos de tristeza e depresión e os raios de felicidade inalcanzable. Dende o punto de vista paradigmático, icónico e cervantino que nos dan o idealista e consumido por veces polas ondas da realidade Sinuhé e o seu inseparable compañeiro na viaxe vital que se nos presenta, de nome Kaptah, viaxamos por todo o mundo antigo, nos asombramos con eles, sufrimos con eles ata deixar de ler por días para despois retomar o libro e devoralo con maior interese. Sinuhé deixa no lector unha pegada indeleble. Recórdanse as primeiras frases que nos chaman a atención, colócanse por vez primeira marcadores nas follas en que un aparte nos fixo deternos para entender de maneira nidia e brillante. A empatía alcanza cotas xamais antes tocadas, a intensidade da acción empápanos e fai que o noso estado de ánimo cambie a cada paso, segundo o momento máis ou menos duro da lectura. E prémense no noso subconsciente, sen querer e de vagar, citas que chegarán a ensinarnos a valorar intres das nosas propias vidas: “non hai nada mellor para a liberación do pensar que unha longa e despreocupada viaxe”, “sentindo o corpo do neno nos meus xeonllos e con ela chamándome irmán, ningunha pena turbaba o meu sono”, “así foi e así será por sempre”. Frases que saen sen pensar e acoden a nós para axudar a enfrontar a mesma onda que asolaga a Sinuhé e que se chama mundo.
Mesmo se o paso que se dá cara a novela adulta se fai con outra lectura, deixando a parte o golpe da sorpresa, o goce de lela novela de Waltari é singular. Dende o punto de vista estilístico é impecable: fluída, rica en matices e léxico, trufada de humor e tamén de desengano. Dende o punto de vista temático é clarificadora: Exipto, Mesopotamia, Tebas, Nilo, Corte, barrios pobres, viaxes e mundos tratados cun coidado e verdadeiro amor pola Historia, sen pegas e con todo o interese do namorado.
Recomendamos Sinuhé o exipcio como viaxe iniciático na literatura, pero tamén o recomendamos para reencontrarnos co gusto da lectura, para todos aqueles que deixaron de atopar pracer no vello pero máxico exercicio do paso das follas.


Imaxes da novela gráfica de José Revilla baseada nesta novela










