Non esquezas ler: Gabriel García Márquez, O coronel non ten quen lle escriba
Juan Parcero
O CORONEL NON TEN QUEN LLE ESCRIBA
Tiveron que pasar tres novelas despois de O coronel… antes de que García Márquez se pechase no estudo da súa casa deixando coa boca aberta a muller e fillos para despois dun ano enteiro saír con Cen anos de soidade baixo o brazo. Nesa obra envorcou o seu mundo por completo, baleirándose e quedando nu. Pero moitas das claves da novela inmensa as atopamos xa no Coronel. Posiblemente a personaxe do coronel sexa a máis entrañable e emotiva dos miles de carácteres que sintetizou nos seus escritos ao longo dos anos: duro e consecuente, nobre e xeneroso, orgulloso no bo sentido da palabra, cheo de amor cara ao próximo, paciente e fiel. Se facemos memoria, ningún dos protagonistas das súas novelas está tan adornado de gabanzas nin é tan perfecto e humano, ten tan poucas arestas. Como no caso de Hemingway e o Jordan de Por quén dobran as campás a personaxe parece ter tódalas calidades das que lle gustaría ser posuidor ao artista. Tan só por coñecer a un ser como o coronel é útil ler a novela.
Temas recorrentes na bibliografía do autor como son a soidade, as guerras entre irmáns que asolaron ao seu país –neste caso o coronel combateu na Guerra dos mil días- , a integridade das xentes pobres, a esperanza, o amor no matrimonio, e sobre todo o desasosego da espera dun destino que non chega, forman parte fundamental nesta obra e moldean todo un mundo en escasas páxinas. Por si todo isto non fose suficiente e como nel é habitual, a prosa é sinxelamente fantástica, unha escola de escritura, de uso da linguaxe, da posta en escena, da descrición, da recreación de situacións. Xa neste caso é preciso recordar o que dixo, resumindo nunha pincelada perfecta Jorge Guillén, pai de Claudio Guillén, á pregunta deste sobre quen era García Márquez: “un colombiano que escribe como Deus”.
A trama é sinxela e doada de ler, fluída e cunha cadencia deliciosa e fala dun coronel que despois de moitos anos non recibe a paga que lle corresponde por baterse na guerra sendo el un rapaz pero que malia a todo iso segue a conservar a esperanza de que todo o seu esforzo sexa recompensado. No medio da espera, en condicións de pobreza e na soidade do matrimonio ancián, o mundo parece esquecerse del, do seu pasado, metendo ao vello en situacións que o fan revolverse ante as inxustizas e preguntarse se quen está equivocado é o mundo ou é el, co seu código de honor, coa súa calidade sentimental, coa súa dor.
Especialmente recomendada para principiantes no mundo do enorme Gabo, O coronel é un delicado exercicio de optimización de recursos, de descrición dunha realidade e un comezo perfecto para o posterior paso as xenialidades de mestre absoluto do escritor nado en Aracataca. Non en balde, entre as súas influencias están Joyce, Faulkner ou Woolf. Case nada.











